A Fundación Laboral volve participar na campaña ‘Ti elixes’ da Xunta contra os estereotipos levándoa a máis de 750 alumnos/as de secundaria
A entidade paritaria colabora por terceira vez coa campaña, financiada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, impartindo 38 charlas en 14 centros educativos de toda Galicia para fomentar a presenza femenina en sectores masculinizados coma o da construción.
A Fundación Laboral de la Construcción de Galicia levará a máis de 750 alumnos/as de secundaria de toda Galicia a campaña Que non te líen, ti elixes da Xunta de Galicia que ten como finalidade o fomento da presenza feminina en sectores masculinizados. Será a terceira colaboración da entidade paritaria con esta campaña ofrecendo, esta vez, 38 charlas a alumnado de 14 centros de 3º e 4º de educación secundaria obrigatoria (ESO) despois de ter chegado a máis de 1.200 alumnos/as ao longo de 99 sesións en 26 institutos dende o inicio da campaña o ano pasado.
Esta campaña, financiada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, busca "favorecer a orientación vocacional libre de estereotipos na elección de itinerarios formativos enfocados nos ciclos de formación profesional con menor presenza de mulleres."
As charlas de Fundación Laboral serán impartidas por persoal técnico da entidade paritaria en Galicia, e por mulleres profesionais que traballan no sector da construción que lle trasladarán as súas experiencias aos/ás rapaces/as.
Sesións divulgativas en 14 centros educativos de Galicia
As sesións, cunha hora de duración aproximada, celebraranse durante os meses de novembro e decembro en 14 centros educativos de Galicia: IES Urbano Lugrís (A Coruña), IES Monte das Moas (A Coruña), IES As Insuas (Muros), IES As Telleiras (Narón), CPR Plurilingüe Sagrado Corazón de Jesús (Ribeira), IES Arcebispo Xelmírez II (Santiago de Compostela), CPI Pecalama (Tordoia), CPI Plurilingüe de Fonte-Díaz (Touro), IES Maximino Romero de Lema (Zas), CPI Dr. López Suárez (Friol), IES O Couto (Ourense), IES Ramón Mª Aller Ulloa (Lalín), IES O Carril (Vilagarcía de Arousa) e IES Armando Cotarelo Valledor (Vilagarcía de Arousa).
Sectores como a construción, a madeira, o mar, o metal ou as TIC son aos que vai dirixida esta campaña que pon o énfase na importancia de escoller o rumbo profesional en función das motivacións, das habilidades, das capacidades e da actitude de cada persoa, desbotando a crenza de que non poida haber mulleres en sectores tradicionalmente ocupados por homes.
A través dunha serie de vídeos, a campaña mostra a experiencia de mulleres que traballan nestes sectores entre as que figuran dúas docentes de Fundación Laboral: Maruxa Barros, especialista de traballos en altura, e Iria García, soldadora.
A materia pendente da incorporación da muller á industria da construción
A construción necesita incorporar man de obra para cubrir a xubilación dos preto de 1.700 profesionais que se retiran cada ano. Aínda que a presenza de mulleres no sector aumentou en postos técnicos e administrativos, hoxe en día seguen sen integrarse nos oficios da construción, nun momento no que non hai cuestións obxectivas polas que as mulleres non poidan desenvolver a súa carreira profesional a pé de obra como carpinteiras, fontaneiras, electricistas ou pintoras.
Segundo o Informe de Mulleres 2023 do Observatorio Industrial da Construción, hai 6.487 mulleres traballando no sector en Galicia, que representan o 8,5% do total das persoas ocupadas da industria na comunidade e o 5,4% do total de mulleres empregadas en construción.
A Fundación Laboral de la Construcción de Galicia está traballando en proxectos para impulsar a incorporación de mulleres á industria da construción, tanto dende o punto de vista do emprego como da orientación laboral. A entidade paritaria está traballando en lanzar unha nova edición de ‘Construíndo en feminino’, un programa iniciado o ano pasado en colaboración con Fundación “laCaixa” para impulsar a incorporación de mulleres á industria da construción e que conseguiu unha inserción laboral do 43,7% das participantes.