A compravenda de vivendas en Galicia incrementouse un 14,6% en maio
A comunidade galega é a que rexistrou maior encarecemento do metro cadrado, un 21,3%, e a segunda onde máis creceron os préstamos, segundo o Centro de Información Estatística do Notariado.
Europa Press Galicia; Centro de Información Estatística do Notariado
A compravenda de vivendas en Galicia incrementouse un 14,6% en maio, moi por enriba da media estatal do 3%. Ademais, o prezo do metro cadrado creceu un 21,3%, o que representa o maior encarecemento das 17 comunidades autónomas, segundo os datos do Centro de Información Estatística do Notariado difundidos polo Consello Xeral do Notariado.
A compravenda chegou en maio ás 2.368 unidades, das cales, 1.710 se corresponden con pisos, un 19,2% máis que o mesmo mes de 2023 e 658 unifamiliares, un 4,3% máis. O prezo dos pisos aumentou un 12% ata 1.370 euros por metro cadrado de media e o das vivendas unifamiliares, nun 25,6%, situándose en 826 euros por metro. Segundo a comparativa anual do Colexio Notarial, a concesión de préstamos hipotecarios para a adquisición de vivenda aumentou un 26,4% interanual, fronte ao 9,8% do conxunto de España.
Galicia encabeza o incremento dos prezos
Galicia encabeza o incremento dos prezos das vivendas, cun 21,3%, seguida de Cantabria (11%) e a Comunidade Valenciana (10,1%). Os prezos baixaron en Castela A Mancha (-11,6%), País Vasco (-7,8%), Asturias (-5,7%), Baleares (-5,4%), Murcia (-2,4%) e Extremadura (-1%).
A superficie media da vivenda foi superior á media Baleares (7,1%), Asturias (6,9%) ou Cantabria (5,6%) mentres que se reduciu en Navarra (-9,2%), Galicia (-8,4%) e Castela e León (-4,4%).
Crecemento dos préstamos
No mes de maio concedéronse en Galicia 1.053 préstamos hipotecarios para a adquisición de vivenda, cunha contía media de 122.739 euros, un aumento interanual do 12,4%. O 44,5% das compravendas na comunidade galega financiáronse mediante un préstamo hipotecario, porentaxe que alcance o 46,3% no conxunto de España. A contía dos préstamos supuxo de media o 72,2% do prezo fronte ao 71,9% estatal.